Un son relaxante, engaiolador… complemento perfecto do canto. Desde o mesmo Pórtico da Gloria até os ceguiños nas feiras e corredoiras, a zanfona preséntase como un instrumento transcendental na nosa Historia. Ademais é unha honra que dous dos seus recuperadores máis importantes, Faustino Santalices e Perfecto Feijóo, formaran parte dos Coros Galegos.

Nun folclore, o noso, onde por desgraza se premian máis os instrumentos foráneos que os autóctonos, cómpre reivindicar este instrumento propio tan versátil. Por iso Cántigas da Terra sente a responsabilidade de crear na nosa cidade esta escola con dous mestres senlleiros na materia.

Vén probar o doce sabor do antigo!

Zanfona
luns 18.30 h
2 horas cada 2 semanas
32

Miro Casabella

Todo un referente histórico da canción galega. Comeza a cantar no ano 1966, incorporándose dous anos despois ao colectivo Voces Ceives, con quen grava o seu primeiro disco. Axiña toma contacto coa zanfona sendo coñecedor de todo o legado do grande impulsor Faustino Santalices. Os mestres Paulino, Xesús e Luciano Pérez, tres xeracións apasionadas no obradoiro da Deputación de Lugo teñen moito a ver desde entón na súa vida e na construción das súas primeiras zanfonas.

Desde 1979 ten participado e colaborado en grupos como Doa ou Luar na Lubre.

Un grande mestre na fermosa aventura de facer andar o rodicio da zanfona en Cántigas!